Saturday 04 de May de 2024

A Pobra festexa o Día Internacional do Libro con dous contacontos


Co gallo do Día Internacional do Libro, que se conmemora no 23 de abril, a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal programa dous contacontos cos cales fomenta-la lectura nun contexto dinámico e cun enfoque sociocultural. A edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), xunto co bibliotecario municipal, José Carlos Vidal, e a técnica do Museo Valle-Inclán, Araceli Abad, manifestou que o libro constitúe “unha ferramenta moi necesaria que nos permite facer unha viaxe coa nosa imaxinación.”

A biblioteca municipal Victoriano García Martí será escenario no 22 de abril, ás 18.00 horas, do contacontos Habelas hainas, no cal Leo Leiño lles ensinará ás crianzas as tradicións e lendas galegas: a Santa Compaña, Santo André de Teixido, celtas e druídas, romarías etcétera; un aquelarre de diversión, maxia e humor. A idade recomendada é a partir dos 6 anos.

E, doutra banda, o Museo Valle-Inclán albergará no 24 de abril, ás 18.30 horas, unha sesión, a cargo da contadora Charo Pita, onde o relato protagonista será O meu bisavó, un breve conto escrito por Ramón del Valle-Inclán que recolle un episodio da vida dese antepasado seu. A edición que serve de base para a narración é unha tradución ao galego do conto orixinal, editada en 2019 pola propia institución museística e o Concello, na cal destaca a súa coidada estética. A actividade está dirixida a nenos e nenas a partir de 8 anos.

En ámbolos casos, a entrada é libre ata completa-la cabida e recoméndase o uso da máscara.